HERACLIO PÉREZ PLACER (Ourense, 1866-1926) escribiu poesía, conto, novela, comedia e mesmo compuxo unha zarzuela. Fundou e dirixiu varios xornais e colaborou ademais asiduamente nas principais publicacións periódicas do seu tempo. No eido literario, a súa aportación máis interesante está constituída polas prosas breves en lingua galega. Moitas delas foron publicadas primeiramente na prensa, e máis tarde recolléronse nos tres volumes de contos:

-Contos, lendas e tradiciós (1891)
-Contos da terriña (1895)
-Veira do lar (cuentos gallegos) (1901)


A súa narrativa caracterízase pola temática costumista, polo ton pícaro e xocoso e pola tendencia naturalista. O seu alcume era o Boccaccio ou o Zola galego.


Nestes dous textos que seguen atopamos unha sentida e emocionada descrición da cidade.

¡Ourensiño, meu Ourense!...

"Ourense, feitizo d'os mortales, niño d'os meus amores, canto t'eu amo!... Ahí estás, meiga d'a fermosura, cibdá bendita, cal pomba durmindo entre cheirosas froles, y-arrolada pol-o Miño que manso corre pol-os teus pés. (...)
¡Que feitizada eres e que linda, cibdá bendita!
Parece qu'estás grabada n-a miña mente, pois sempre te recordo. Recriminada en frondosos viñedos, n-os que se ven casiñas brancas cal pombas, dormes ou sonas.
Pareces un ramallo de cheirosas froles fantasiosa mirándose n-as augas d'as fontelas, ou un brilante caido d´a coroa d´a Virxe, que as nereudas d´o Miño apreixaron en esmeraldas sementes de pelras e rubis, que tal parecen os teus tremborosos e frescos lameiros y-as tuas
recendentes campias bordadas con brancas e roxas froles”
(Contos, lendas e tradiciós, pp 7-11)



(O río Miño ao seu paso por Ourense)

“Os penedos, espidos de vexetación e cubertos de patina escura, tiñan un aspeuto lúgubre, malencóneco, y-aló lonxe, entre néboas mexonas, distinguíase á Ourense, medio esborroado, botando pol-as as súas chimineas espirales de fume, que ô contauto d'o aire, estendíase, arremuiñábanse, prendíanse n-os tellados cal vaporosas guedellas, e pouco á pouco íbanse desfaguendo, desfaguendo: semellaban unha manela de solto liño, despois unha gasa branca, sutil, dempois... nada, un sospiro que se perde, un eco que s'apaga”
(“
Anxel”, Contos, lendas e tradiciós, pp 144-145)