RAMÓN OTERO PEDRAYO (Ourense, 1888-Ourense, 1976) é un dos máis importantes escritores galegos do século XX. Autor dunha extensa obra literaria, centrada especialmente no xénero narrativo, tamén escribiu teatro e ensaio.

Algunhas das súas obras máis representativas son:

-Escrito na néboa (1927)
-Os camiños da vida (1928)
-Arredor de si (1930)
-Fra Vernero (1934)
-A romería de Xelmírez (1934)
-Devalar (1935)

Neste fragmento, descríbese unha clase no recén creado instituto de Ourense, que hoxe leva o nome do escritor (Ies Otero Pedrayo)

No vello instituto remataba a clase de retórica e poética. A luz cincenta dun día neboento de inverno baixaba polas altas fiestras e deixaba en media sombra os derradeiros bancos. [...] Un porteiro de faciana e porte de curial engurrado,o Don Cándido, sonado en tantas xeracións de estudantes, deu a hora solemnemente. Remexeuse o fato de mozos. Só entón o mestre se lembrou de que era a derradeira clase. Ó día seguinte comenzaban as vacacións de Nadal. [...] A grea algarerira encheu de berros o pequeno claustro e desfíxose en grupos polas rúas abafantes de néboa. [...]" (A Praza Maior de Ourense.)

"O Paio e os seus amigos baixo os arcos da Praza Maior. A néboa mollaba os croios do empedreado e a penas deixaba albiscar as escaleiras e a faciana da igrexa de Santa María. Trecoleaban zocos labregos no oco dos soportais. Algunhas disformes chisteiras parecían chemineas de barcos nun porto bretemoso do norte. Polas escaleiras navegaba unha tella de cóengo. Ollaba unha faciana de nena pola bufarda dunha casa. [...] Íanse botar nunha terrible discusión cando pasou unha criada coa ola, da Burga. A auga quente creaba un nimbo de calor, un vapor oposto ó bafo tristeiro da néboa, poñendo unha coroa á fermosa testa da moza[...] Por fin dixéronlle adeus. Paio baixou pola Barreira, camiño da pousada. Por alí transitaba todolos días coñecía as panadeiras sotas de lingua, os terribles bigotes dos republicanos dirixidos pola Picoña [...] Sempre esvaraba na mesma lousa, sempre tiña unha ollada para a casa vella da praza dos zapatos, na que habitaba un tolo de longa barba branca. [...] Despois de xantar na cociña soilo, pois xa os estudantes de teoloxía voltaran para a aldea, o Paio preparouse para saír. Non tiña cartos. Teimaba rubir pola conca para tomar o sol na penasaca dos montes azuis na gloria do serán, ceibes, ledos baixo o sol da invernía, naméntre-lo val, a cidade, a vella catedral, os oficios e as murmuracións tremaban no morno pazo da neboeira."
(Os camiños da vida, capítulo VI: “ A clase de retórica”, Editorial Galaxia, Vigo, 1990, pp. 233 - 241)