EDELMIRO VÁZQUEZ NAVAL (Toubes - A Peroxa, 1949) combina a docencia como profesor de matemáticas no instituto Otero Pedrayo de Ourense coa creación literaria no ámbito da poesía.
En 1988 gañou o premio de poesía "Cidade de Ourense" co poemario As voces da saudade. Publicou tamén O rito do regreso

Neste poema, dedicado ao tamén poeta Manuel de Dios, diríxese ao río Miño que pasa baixo a ponte, camiño do mar.



HOME E RÍO

(A Manolo de Dios)

Río floral de prata barbulleira,
señardoso nas tardes d ardentía,
home esfollándose, árbore outoneira,
río e home e anceio e lonxanía.

¿Cal a sorte do home? ¿Cal o instante
de determe nas augas do pasado,
sen ollarme no Miño camiñante?
¿Que mar teño no alén...? ¿Un mar soñado...?

Miño cantor, ti vas á mar sabida.
Mentres pasas, ¿que vexo no sonoro
espello que reflexa a miña vida?

Río fluínte, eu quedo nun encoro...
Debruzado na Ponte. Sen saída.
En Ourense, sumíndome en degoro.