LUÍS GONZÁLEZ TOSAR (Bos Aires, 1952), fundador e ex-director da revista literaria Dorna, é actualmente o Presidente do P.E.N. Club de Escritores de Galicia.

Ten unha ampla obra poética, entre a que destacan libros como:

A caneiro cheo (1985), premio Esquío de poesía e Losada Diéguez de creació literaria

Remol das travesías (1989)

Seis cánticos labrados co recordo de seis cidades mouras (1986)

Campás de Recalada (1992)

Coa forza da palabra (1993)

Tamén publicou o libro de relatos Estación marítima (1996)

Neste poema de A caneiro cheo evoca algúns espazos da cidade ourensá.

AS MAÑÁS DE OURENSE DEVALAN NAS TARDES DE TRASALBA E ACABAN MORRENDO NOITES POR COMPOSTELA ADIANTE
(Ou como maza-lo tempo cunha paráfrase de Otero)

I
Que ben din as pegadas da raiola
no surtidor de pedra da Praza do Ferro,
cando o reloxio certa coas súas notas puras
na abondosa fervenza que inicia o traballo
ou no vagar do poeta das lúas minguantes.
¿Que sombras preñan aínda a Rúa da Paz?
Non nos cómpre reparar na data deste día,
fica solemne nos sinos e pedras da Catedral,
brilla na follateira que agarima as rúas:
É o primeiro de outono.
O tempo da derradeira espiga de millo
e o dos primeiros ourizos treme na páxina
do escritor como unha mazá dourada e celmosa,
e o feito literario é un anceio do corazón,
pois doado halle ser levalo adiante,
só con deixar franqueadas as cancelas
da lembranza e abertas as fiestras do recordo
sobre a praia na que devalan firmes
ritmos brumentos e amados versos
entre as foulas que esparexe o vento.
Axiña galgarán polas campías despexadas
os aires afinadores do perfil das serras:
É o faiscar apaixonado da estrela da mañá.


(Praza do Ferro.)