FRANCISCO X. FERNÁNDEZ NAVAL (Ourense, 1956), actual subdirector de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura, ten unha extensa obra como poeta, narrador e ensaísta e recibiu importantes premios pola súa obra literaria.

Novelas:
O bosque das antas (Premio Xerais de Novela 1988)
Tempo de crepúsculo (1993)
Sombras no labirinto (1997)
Unha cita co aire (2005)

Libros de relatos:
Historias roubadas (1998)
Lendas de onte, soños de mañá (2001)
Sete noites e un amencer (2003)

Poesía:
A fonte abagañada (1981)
Pabellón habitado (1987)
Ara Solis (1996)
Días de cera (1999)
Miño (Premio de poesía Cidade de Ourense 2007)

Engadimos algúns poemas do seu libro Miño:

O RITMO DA CHUVIA

En Oira a chuvia
sabe a flor de terra e gran,
pinga grosa
de mazá, recendo a piñeiral
son que se mira azul
na órbita do gabián.

Mansas lembranzas coma espellos
ollos de luz coma un abrazo,
o doce aloumiño que nos garda
nunca anubrará.


BURGAS

Agora sei.
Non hai horizonte
nin retorno,
tan só o vapor das perdas.














(As Burgas)

MIÑO

Miño,
anterior á lembranza
indescifrable.
Fluído caudal de xente,
inminente final que se retorce e demora
pero que sempre alcanza.


Nestes fragmentos da novela O bosque das antas establécese unha comparación entre as cidades de Venecia e Ourense.

Pierre Franceso Borghese lembraría sempre o día en que chegou a Ourense procedente de Madrid, logo de vinte e tantas horas de pesadume, naquel tren correo que asemellaba crebarse polas ladeiras [...] Era un mediodía cinsento, asolagado na brétema do Miño. A sensación da paisaxe, o sabor do aire e a textura do ceo, fixéronlle lembrar Venecia. Igual que na súa cidade, había algo fantasmal, agoiro de traxedia, coma cando a néboa dos naais inunda as rúas estreitas, as escaleiras polas que antano subiron ouropeis, coma cando os ruídos das casas se prolongan no descoñecido, coma un eco ou un tanxer xordo e misterioso que racha o silencio. A mesma humidade, o mesmo frío que penetra no corpo encollendo o estómago, que zumega nas sabas do leito, que se prende no cabelo. [...] Logo de deixar a equipaxe e de que Pierre Francesco se aseara e mudara a roupa, baixaron xantar no comedor do Hotel. Despois do café deron un paseo. Eran as primeiras horas do serán e a cidade seguía asolagada na néboa. [...] Naquel primeiro paseo xuntos, entre os vapores húmidos que parecían xurdir das pedras, polo espolón da praza maior, baixo as árbores espidas da alameda, fragouse unha amistade prolongada, e da que ambos darían boa proba nos anos difíciles que estaban por vir.
(O bosque das ants, Edicións Xerais, Cap. 2 e 4)

Pode escoitarse ao autor lendo un fragmento da súa novela Unha cita co aire na páxina da Asociación de Escritores en Lingua Galega, na sección Videoteca do autor no apartado O AUTOR LE A SÚA OBRA. Neste texto o escenario é o río Miño desde a Ponte Vella.