CARLOS CASARES (Ourense, 1938-2002) é outro importante escritor ourensán do século XX. Compaxinou a docencia nuns instituto de Vigo coa actividade literaria e coa dirección da editorial Galaxia. en 1995 foi nomeado Presidente do Consello da Cultura Galega, cargo que desempeñou ata a súa morte.

Deuse a coñecer como escritor no ano 1967, con Vento Ferido. Tamén escribiu libros para nenos A galiña azul e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. En 1975 gañou o Premio XXV aniversario da editorial Galaxia coa novela Xoguetes para un tempo prohibido.
Outras obras son: Os escuros soños de Clío, Ilustrísima, Os mortos daquel verán, Deus sentado nun sillón azul, Un polbo xigante, etc.

Neste texto, o bispo da cidade percorre as rúas de Ourense en dirección ao cine de Barbagelatta para asistir á proxección dun novo invento que acaba de chegar á cidade: o cinematógrafo.

Camiñando pola rúa ríase de si mesmo, preguntábase que qué lle parecía ás persoas que se cruzaban con el. Quizais tiña aspecto dun insiginificante home de comercio ou devilego en visita nocturna á capital. Ao chegar á Praza da Leña torceu por debaixo dos soportais en dirección a Alameda, procurando arredarse o máis posible do Canellón dos Perigos, anque para eso tivera que dar unha volta bastante grande. Pasando por diante dunha panadería, o cheiroa empanada de raxo recordoulle a desgracia dun apetito ido que non acababa de voltar e sentiuse máis xustificado aínda na aventura que viña de emprender. Uns gardas déronlle as boas noites sen recoñecelo.
Xa ás portas do Cine Barbagelatta estivo a punto de renunciar. A cantidade de xente que entraba, o ruído do piano que alguén tocaba dentro, o barullo pegadizo e quente que saía pola porta en tufaradas mareantes fixeron enfranquecer unha miga a súa firme vontade. Pensou no escándalo que se podía armar se alguén o identificaba, na lenda que se encargaría de deformar a realidade, na oportunidade que lle ía servir en man aos seus inimigos. Para evitar que medraran as dúbidas e a indecisión se transformara en medo, botouse a andar en dirección á porta. Parouno un homiño extremadamente delgado, case esquelético, con grandes mostachos enfomados e perilla romántica.”
( Capítulo VI, Ilustrísima, pax 51-52, Editorial Galaxia)

(Catedral desde a rúa dos viños)