EDUARDO BLANCO AMOR (Ourense 197-Vigo 1979) é o escritor máis significativo en canto ao número e á importancia das obras ambientadas na cidade de Ourense. É tamén un dos escritores galegos máis importantes do século XX.
Na súa mocidade (1915) comezou a traballar como secretario de dirección no xornal El diario de Orense. En 1919 emigrou á Arxentina e alí viviría a maior parte da súa vida. En Bos Aires tivo contacto coa vida cultural da emigración e con intelectuais e artistas do continente. En 1923 fundou a revista galega Terra, e tres anos máis tarde colaborou no diario La Nación.



(Casa na que naceu Eduardo Blanco Amor.)


(Placa da casa natal do escritor.)

Eduardo Blanco Amor escribiu narrativa, poesía, prosa e ensaio.
En narrativa: A esmorga, Xente ao lonxe, Os biosbardos, La catedral y el niño e Los miedos.
En poesía: Romances galegos, Poemas en catro tempos e Cancioneiro.
En teatro: Farsas para títeres e Teatro para a xente.

En todas as súas obras narrativas, tanto en galego como en castelán, Ourense é o escenario principal, unhas veces baixo a denominación Auria e outras A. (Xente ao lonxe).


Algúns exemplos:

1)
“Conque saímos pola horta e botamos a andar por embaixo daquil bullón de auga que non daba folgos e meténdonos por unha verea que cruzaba unhas hortas, fumos saír á Ponte Pelamios. O ceio viña baixo, apelexado e mouro, e chovia a escachar con rachas de vento frío. Seguimos pola beria do Barbaña até chear ós arrabaldos da Burga onde nos acollimos baixo da ponte.[...] O Milhomes deulle á mona por querer subir ó xardín dos Andradas que estaba alí pertiño. (A esmorga, Edit. Galaxia,Páx. 32-33)

2)
“Parara de todo a chuvia e sopraba un curisco que tollía os alentos. Non había nas rúas alma viva. A lúa viña grande e clara por entremedias das nubes esfiañadas e lixeiras. Cando paramos de correr, aló pola praza do Correxidor, ouvíronse no reló da catedral as baladas de meia noite. Tiramos para arriba con intención de meternos na casa do Milhomes, que vivía na rúa de Crebacús
."
( A esmorga, Páx. 85)


(Fachada da Catedral diante da que pasan os tres esmorgantes en varias ocasións ao longo da noite.)



3)
“O altar maior locía todo aceso de candeas, que moito me chamou a atención que a tales horas da noite isto socedese. Estaban aló, a carón, dúas ou tres ducias de cabaleiros, pois mulleres non se vían, todos axoenllados, e ouvíase o besbellar dos rezos a pouca voces, e todos moi xuntos e rezando a eito, coma si estivesen botando unha ladaíña, desas das misiós ou das rogativas... Eu non sabía cómo trepar co raio das chancas ferradas para que non fixesen estrondo nas laxes. Un daqueles cabaleiros algo debeu de apercibire porque se voltou para abesullare, pro xa nós estabamos acochados tras dunhas columnas, descontra un confesionario." (A esmorga, Páx. 90)


4)

“Non señor,o campo das Bestas fomos dispois. De primeriras fumos cara á Estación. Non sei si xa dixen que tiñamos mentes de pillar o tren mixto,que pasa,como vosté me enseña, ás cinco á mañá e irmonos a Monforte,até que acougara un pouco o asunto, que o tempo todo o vai arranxando. E sinon se arranxaba, tamén se falou de seguirmos para parte de Asturias onde polo visto, atopábase bo traballo nas minas de carbón, que o Bocas tiña aló uns amigos.
Pro cando tiñamos pasado a Ponte Maor topeime co Barrigas."
(A esmorga, Páx. 113)

(Estación do tren, a onde se dirixen os esmorgantes cando queren fuxir da cidade.)

5)
"Tivo que ser no día do Corpus; unha mañá do día de Corpus nas que se campa coa roupa nova e as almas da xente moza se estrenan tamén por algún canto aínda non encetado.
Son―eran― mañás en que o ceo chega a Auria diferente de todos os ceos do ano; nas que o ceo da vila, na boca do verán, casan nun confiado intre que non se voltará a repetir en todos os ceos do ano por ledos que veñan. [...] Cando non puiden aturar máis e me botei á rúa, as campás da catedral, enriba do meu tellado, despenábanse a cachón, derrubábanse polos ancos da torre.[...] Vina na Praza Maior. Nin daquela nin despois reparei tanto en ninguén. [...] Na rúa da Paza cruzáronse cuns silbantes, xa maiores (os da tenda de Bobillo e outros), que se deron de cóbado como coñeándose delas, e non sei que lles dixeron ó pasar que se puxeron seriosas e buliron ó paso. [...] Tamén se pararon nos latoeiros da rúa das tenda, nos afiadores e aparafuseiros da Praza Maior, nos zapateiros de banquilla da Fonte Nova. [...] Logo subiron a San Francisco, entraron no Camposanto. Baixaron de novo, metéronse pola travesía, mercáronlle figos á Tía Delfina no remata da rúa de Alba, colleron pola carretera do Progreso."
("A estrea", Os biosbardos, Edit. Galaxia)



6)

"A Praza dos Coiros estaba a crebar de xentío naquil lusco e fusco abafado do día do Carme. Corrérase que non deran permiso as autoridades e que ían mandar a xendarmería; sempre que había un mitín corríase o mesmo pro a xente de traballo ía igual. [...]

(A voz da rapaza escachábase descontra as paredes das casa pobres, de tres pisos, do rueiro da Pescadería, coas súas fiestras cheias de rostos calados, anceiosos e conmovidos. Era unha voz de nobre metal, superior ás inxeles verbas que contiña. Fendendo por entre os brancos e moles pallabarros, asomaba como unha proa, o pazo de seis pisos, de orgullosa e nova canteiría, da Banca Romeral, con todas as fiestras e balcóns pechados, pesie ao bochorno do día.) [...]

Ouviuse a gallopada dos cascos nas loousas da rúa da Corona. [...] A xente íase, ordenadamente e de a pouco, pola rúa da Libertade, subindo á da Pena Vixía, dando a volta polo calexón do Turco. O Elixio e mais a Evanxelina ían por entre a xente, abrindo paso ás mulleres cos nenos." (Xente ao lonxe, Edit. Galaxia, Cap II, 3ª parte)

En moitos casos podemos seguir coa axuda dun mapa podemos seguir o desprazamento dos personaxes polas rúas e barrios da cidade. É o caso da súa novela A esmorga. Por iso, desde hai algúns anos en Ourense celébrase cada ano un roteiro da esmorga consistente nun percorrido por oito puntos significativos da cidade que aparecen claramente identificados na novela. (Ver Documentos)


Tendo en conta que este ano se cumpre o cincuentenario da publicación da novela A esmorga, O Concello de Ourense, decidiu nomear este ano 2009 como ANO BLANCO AMOR para recoñecer deste modo o labor do escritor. Así se pode ver nestes textos de prensa que incorporamos a seguir.