MANUEL CURROS ENRÍQUEZ (Celanova, 1851- A Habana, 1908) foi un dos máis importantes poetas do século XIX do periodo histórico-literario denominado Rexurdimento na literatura galega. Curros é, fundamentalmente, un poeta social ou cívico que critica numerosos aspectos da sociedade galega do seu tempo.
En 1877 dáse a coñecer como poeta ao gañar en Ourense un certamen poético cos poemas "A Virxe do Cristal", "O gueiteiro" e "Unha boda en Einibó". En 1880 publica Aires da miña terra e o bispo de Ourense denúnciao ante o Goberno Civil por considerar que os seus poemas son aldraxantes para a fe católica. A causa disto, Curros foi escomungado e tamén foi procesado por un delicto contra a relixión polo que foi condenado, aínda que, tras recorrer a sentencia, foi absolto.
O seu segundo libro de poesía, O divino sainete, foi publicado en 1888.

En 1894 emigra a Habana onde dirixiu o periódico La tierra Gallega. Alí morre no ano 1908.

Un dos poemas máis coñecidos de Curros Enríquez é “Na chegada a Ourense da primeira locomotora” no cal fala do importante que será a chegada do tren para Galicia e para a cidade xa que traerá o progreso, a cultura e a prosperidade que Galicia necesita.



NA CHEGADA A OURENSE DA PRIMEIRA LOCOMOTORA

I
Vela aí vén, vela aí vén avantando
cómaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saudaina, rapaces e vellos!
Por onde ela pasa
fecunda os terreos,
espértanse os homes,
frolecen os eidos.
Vela aí vén, vela aí vén tan houpada,
tan milagrosiña, con paso tan meigo,
que parece unha Nosa-Señora
unha Nosa-Señora de ferro.
Tras dela non veñen
abades nin cregos;
mais vén a fartura
¡e a luz e o progreso!





(O 31 de marzo de 1881 ás 13:45 horas da tarde chegou o primeiro tren a Ourense. Aquí vemos o viaduto construído na liña férrea Ourense-Zamora.)

II
Catedral, demagogo de pedra,
dun pobo fanático erguida no medio,
repinica esas chocas campanas
en sinal de alegría e contento.
¡Asocia esas voces
ó son dos pandeiros,
ás santas surrisas
de terras e ceos!
E ti, río dos grandes destinos,
que os himnos ensaias dos trunfos ibéricos,
requeimadas as fauces da sede
ven o monstro a beber no teu seo.
Bon samaritano,
dalle auga ó sedento;
que a máquena é o Cristo
dos tempos modernos.

(Aires da miña terra.
pp 112-113. Edicións Castrelos, Colección Pombal, 1977)