MANUEL DE DIOS (San Xés da Rabeda, 1930) foi profesor de literatura no Instituto Otero Pedrayo de Ourense e dedicou, ademais, moitos anos á escolma e divulgación do cantigueiro popular.
Ten da poesía unha visión plenamente lúdica, coa única esixencia da súa raigame no cerne do sentir popular. Non é devoto da poesía culta. Coida que a mensaxe da poesía é a poesía mesma.
Vexamos algúns sonetos a Ourense incluídos no libro colectivo Sete poetas ourensáns (Concello de Ourense, 1992)
O Cristo
Ten da poesía unha visión plenamente lúdica, coa única esixencia da súa raigame no cerne do sentir popular. Non é devoto da poesía culta. Coida que a mensaxe da poesía é a poesía mesma.
Vexamos algúns sonetos a Ourense incluídos no libro colectivo Sete poetas ourensáns (Concello de Ourense, 1992)
O Cristo
Nautilo da Fisterra. Bou doente
amargullado no peirao do pranto,
cobrir quero o teu corpo co meu manto
pra che ripar os cravos do relente.
De onde vés? Quen é a túa xente?
Por que mar de tristura e desencanto
viñeches acougar a este recanto
onde naufraga en tebra a luz do abrente?
Choran os sinos e salaia o vento.
Mentres se troca en pena o sentimento
o sono da cidade estremecida.
eu vou pola noitiña acovardado,
sen che poder valer, Cristo mourado,
sen saber que facer da miña vida.
A ponte
Pente do vento. Xugo da saudade
que choran os teus ollos entre os montes.
Ponte de pedra, catedral das pontes,
espadela do pranto da cidade.
Ancorada no sono. Mocidade
brincadeira dos ríos e de fonte.
Pomba devanadoira de horizontes
que voa dende o tempo na eternidade.
Cantas veces de neno eu perseguía
na ribeira do río a algarabía
dos vencellos no ar engaiolados.
Fuxiron os paxaros pola noite,
e non hai, ponte vella, quen escoite
os seus chíos no tempo sulagados.
(A ponte romana de Ourense)
As Burgas
Para seres forte, tes o encantamento
dunha estrela dormida na ribeira.
Fonte da Burga. Fonte da Barreira.
Flor de fontes na pedra do moimento.
Din que pasas con paso medoñento
polo Cristo da negra cabeleira
e que levas, morniña e rezadeira,
un salaio de amor no teu alento.
O corazón de Ourense é unha fonte
que ceiba o latexar do Cristo á Ponte
nun rebrilo de prata e limoeiro.
Cando se poña o día tras da serra,
eu quero que me enterren nesta terra
na lentura da Burga, compañeira.