VALENTÍN LAMAS CARVAJAL (Ourense, 1849-1906) foi, ademais dun gran poeta do Rexurdimento, un dos primeiros periodistas en lingua galega. Xunto a Manuel Murguía, fundou a Real Academia Galega.
A súa enfermidade ocular non lle impediu ser un dos autores máis prolíficos da literatura galega nin ter unha actividade xornalística e literaria incesante.
Fundou o xornal El Heraldo Gallego e o primeiro semanario escrito íntegramente en galego, de moito eco popular, O Tío Marcos da Portela. Aquí publica por entregas o seu exitoso libro O Catecismo do Labrego (1888), un dos libros máis vendidos en lingua galega.
Foi tamén director do xornal El Eco de Orense.


A súa obra literaria está composta por, entre outros, os seguintes títulos:

-Espiñas, follas e frores (1875).
-Saudades gallegas (1880).
-Gallegada (1887).
-O Catecismo do Labrego (1888).


Fragmentos:
Incluímos estes dous fragmentos do conto "Os graxos da Burga" no que describe a mala fama que tiñan daquela estes personaxes tipicamente ourensáns.

“Pasaron moitos anos; esquecéronse moitos recordos, desaparecérennos as máis vellas de Ourense; pro non se varreu da memoria das xentes o recordo nin as costumes dos graxos da Burga. Inda hoxe a sona que deixaron esténdese polas vilas i aldeas de toda Galicia, pois o mesmo que a sobra ó corpo, vai esta nomeada seguindo ós fillos de Ourense por onde camiñan.
¿Que estudiante non escoitou aló en Santiago dos vermellos lábeos da costureira a quen cortexaba,.Que fillo de Ourense non se lembra dos receus que foi mirando polas mozas nas romaxes da nosa terra, e dos contratempos con que tivo que loitar dinantes de se facer dono do seu corazón, soilo por ser dos da Burga, como nos chaman?
¿Que pai, por deixado da mau de Dios que andivese, foi de boas a primeiras gustante en que a súa filla falase cun de Ourense, sendo como son graxos da Burga, e polo mesmo considerados polos labregos, sin que se den conta da razón que teñen para xuzgalos ansí, como ós mozos de menos lacha e máis sabidos en picardías que andan polo mundo? [...]”
(“Os graxos da Burga” , pp 95-96)



(As Burgas de Ourense.)

“Na Burga de Arriba, na cume da fonte había unha pedra longa dende a que podía guiparse o que pasaba ó longo do Casino. Os rapaces de Ourense descubriron aquela cras de pena-vixía, lembrada Santardós, e pra atentar ós graxos armábanse de pedras e dende alí acantazábamos , berrando a todo berrar: <<¡Luz ó Casino!>>.
(pp 99)